Tuesday 14 de May de 2024

Feijóo destaca e gaba a colaboración dos máis de 700 aliados dixitais para acadar a plena dixitalización de Galicia


Incide na utilidade da tecnoloxía dixital para resolver desde o ámbito local retos ligados á educación, á saúde, ao emprego e, en definitiva, ao benestar da cidadanía

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou e gabou hoxe a colaboración de voluntarios, de empresas tecnolóxicas e de entidades e asociacións de acción voluntaria para acadar a plena dixitalización de Galicia; “a implicación, en definitiva, dos máis de 700 aliados dixitais para que ningún galego nin ningunha galega perda o tren da sociedade dixital” e para que na terceira década do século XXI, todos os galegos estean capacitados para aproveitar as oportunidades que brinda este contexto.

Durante un encontro mantido esta mañá con este colectivo, Feijóo subliñou que este obxectivo está recollido no Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 que aspira a crear hábitos de uso das TIC entre aqueles que aínda non as empregan; a incrementar os coñecementos dixitais daqueles que xa empregan as tecnoloxías da información e comunicación; e a fomentar o uso das TIC como unha forma innovadora de resolución dos desafíos sociais.

O titular da Xunta destacou a utilidade da tecnoloxía dixital para resolver desde o ámbito local retos ligados á educación, á saúde, ao emprego e, en definitiva, ao benestar da cidadanía. E, nesta liña, referiuse tamén aos avances que as TIC supuxeron para a sanidade, coa receita e a historia clínica electrónica, “unha ferramenta de traballo para os facultativos”.

Así como para a Educación, co proxecto Abalar, grazas ao cal máis de 70.000 alumnos teñen un ordenador na aula; para o eido dos servizos sociais, co Plan Trabe, e para a Administración autonómica, coa sede electrónica para axilizar os trámites e simplificar o papelame.

Na actualidade xa se conseguiu dotar de cobertura máis de 700.000 galegos, a finais da década a práctica totalidade da poboación terá cobertura de 30 megas como mínimo e os núcleos de máis de 500 habitantes accederán a máis de 100 megas, Feijóo incidiu na necesidade de seguir traballando para que todos os galegos saiban usar internet. Non en van, a porcentaxe de poboación que emprega internet incrementouse nun 40%; a Comunidade galega ocupa o terceiro posto na clasificación de comunidades que interactúan coas administracións públicas a través de internet, e tres de cada catro fogares teñen internet de banda larga.

Nesta mesma liña, cómpre subliñar que as empresas de máis de dez traballadores incrementaron en cinco puntos as vendas en internet e se duplicou a porcentaxe das microempresas que fan uso do comercio electrónico.

Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé na necesidade de fomentar o uso de internet entre os 160.000 galegos que non o empregan, un colectivo formado maioritariamente por persoas maiores. E, para iso, avogou por ensinar a empregar mellor os dispositivos móbiles e por promover a confianza en internet e a seguridade dixital.